Vargas Blues Band CICLO 1906

31/Mar/2017 - 11:55pm

Vargas Blues Band 10º CICLO 1906

Javier Vargas: guitarra; Luis Mayo: baixo, voz; Peter Kunst: batería, voz; Bobby Alexander: voz.

Falar de blues é falar de Javier Vargas. Con máis de corenta anos de carreira nos petos, gañou a pulso un lugar privilexiado no olimpo deste xénero. O seu periplo comezou, como o de moitos músicos, no garaxe familiar. De Mar del Plata trasladaríase a Venezuela, onde xa gravaba como músico de sesión, e, posteriormente, a Nashville, onde se empaparía da música do sur. O seguinte paso levaríao a Los Ángeles, escala intermedia antes de desembarcar no Madrid de finais dos setenta. Alí, converteríase no guitarrista cobizado que é hoxe participando na efervescente escena do momento e gravando con Miguel Ríos, Joaquín Sabina e Orquesta Mondragón entre outros. Pero foi na década dos noventa cando por fin gravou o seu primeiro disco como líder da Vargas Blues Band e puxo en pé o seu concepto do blues latino, un xénero híbrido no que caben jazz, flamenco, bolero e son cubano. A partir de entón, a súa reputación como bluesman catapúltao a escenarios compartidos con xigantes como B. B. King, Carlos Santana, Prince... Sen dúbida naceu para as seis cordas e estas adórano. A súa guitarra é inconfundible, así que non te confundas, non vaias perdelo...!